A SINALIZACIÓN XA ESTÁ COLOCADA NA ZONA
O Concello habilita desvíos para facilitar o acceso ao IES Monte Neme nos horarios lectivos.
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Tráfico que dirixe Benedito Viña, informa de que se veñen de habilitar desvíos nas rúas do entorno do IES Monte Neme da capital municipal para facilitar o acceso ao centro nos horarios lectivos, nos momentos de entrada e saída das aulas. Así, xa está colocada a sinalización que limita o acceso ao centro a través da rúa Violetas, de tal xeito que esta rúa, de dobre sentido, pasa a ser de sentido único. Polo tanto, no treito situado entre o cruce da rúa Violetas coa rúa Flor de Toxo e ata o centro de ensino só se poderá sair do centro, mentres que os accesos realizaranse a través da mencionada rúa Flor de Toxo, pola avenida das Flores e subindo pola rúa Nacente. Os horarios en que están habilitados os desvíos son de 8.30 a 9.00 horas, de 14.00 a 15.00 horas e os luns, de 16.00 a 18.30 horas. O obxectivo desta medida é mellorar a seguridade viaria, tanto para os vehículos como para os peóns, especialmente nas horas de maior afluencia ao centro.

No hay comentarios:
Publicar un comentario