viernes, 21 de enero de 2011

CARTA ENVIADA A ANPA DA FEDERACION ECOLOXISTA GALEGA


) ) ) ) ) ) ) Wi-Fi nas aulas? Internet mellor por cable 
ESTIMADOS/AS PAIS E NAIS DOS ALUMNOS DE 5º DE PRIMARÍA E 1º DE ESO, ASÍ COMO DE DEMAIS ALUMNOS/AS DO CENTRO ESCOLAR
A Federación Ecoloxista Galega (integrada por ADEGA, ADENCO, APDR, Asemblea do Suído,Colectivo Ecoloxista do Salnés, Coto do Frade, Guerrilleiros das Fragas, Grupo Naturalista Hábitat,Luita Verde, MEL, Asociación Ecoloxista Naturviva, Néboa, Niño do Azor, Oureol, Vaipolorío, VerboXido, Verdegaia, Xevale), con Apartado de correos 949 (15780-Santiago de Compostela), enderezoelectrónico: feg@federacionecoloxista.org e páxina Web: http://www.federacionecoloxista.org
En vista de que o Proxecto Abalar xa está en marcha, dirixímonos a vostedes, implicados nos centros de ensino dos seus fillos/as, para poñer no seu coñecemento a problemática situación que supón o feito de incluír a instalación de conexións sen fíos a internet por Wi-Fi nas aulas, obviando o “Principio de Precaución” proposto polo Parlamento Europeo na súa Resolución de 2 de Abril de 2009.
O Proxecto Abalar, que inclúe o Plan estatal Escola 2.0, prevé dotar dun ordenador portátil aoalumnado, colocar en cada aula unha pantalla dixital e instalar dentro da mesma un ou varios nodos Wi-Fi emisores de radiacións de microondas pulsantes para conectar a Internet os ordenadores. Durante este curso académico comezaría unha primeira fase de implantación, nos centros seleccionados, nas aulas de 5º de Primaría e 1º da ESO. Xa neste momento está feita a adxudicación provisional a unha empresa da instalación do sistema emisor de Wi-Fi. A nosa preocupación, que non xorde por consideracións educativas ou tecnolóxicas, fundaméntase exclusivamente nas consecuencias para a saúde do alumnado, en especial de primaria e do persoal docente e auxiliar que, coa conexión sen fíos a internet, veríanse expostos/as de cotío á contaminación electromagnética das radiacións de microondas ao longo de toda xornada lectiva no curso escolar, cos consecuentes efectos acumulativos. Emisións electromagnéticas que Resolucións do Parlamento Europeo chaman a limitar e minimizar, especialmente en grupos de risco como a infancia e a mocidade.
Aínda que na fase inicial de Abalar o alumnado máis exposto serían o alumnado de 5º de Primaria e 1º de ESO, a contaminación do sistema Wi-Fi, pode afectar a outras aulas e recintos do centro escolar (bibliotecas, comedores, corredores, zonas de recreo e, nalgún centro, tamén ás aulas de preescolar). Proliferación que estenderíase nas seguinte fases do proxecto.
A conexión a Internet mediante a instalación de redes de cableado de cobre ou fibra óptica, como recoméndase dende distintas institucións e administracións como o Ministerio Federal Alemán de Medio Ambiente, non exporía de cotío ao alumnado nin traballadores ás radiacións das redes inalámbricas Wi-Fi, senón que ademais proporcionaría mellor cobertura e evitaría os problemas de interferencias e de seguridade da información propias do Wi-Fi.
AUTONOMÍA DE CADA CENTRO: En recente entrevista con responsábeis do Ministerio de Educación, lémbrase a capacidade de decisión de cada centro a traveso do seu Consello Escolar.
Nas seguintes páxinas presentámosvos informacións, reflexións e propostas a considerar antes de decidir a implantación do Wi-Fi nos centros dos vosos fillos/as, para ter en conta polos distintos axentes sociais implicados no Consello Escolar.
INFORME:
I.- CONTAMINACIÓN ELECTROMAGNÉTICA E SAÚDE: CHAMADAS DE ALERTA DENDE A COMUNIDADE CIENTÍFICA.
II.- O DEBATE XERAL SOBRE OS CAMPOS ELECTROMAGNÉTICOS E A IMPLANTACIÓN DE SISTEMAS SEN FÍOS COMA A WI-FI.  A NIVEL INTERNACIONAL.  E A NIVEL ESTATAL?.  E A NIVEL GALEGO?.
III.- ALTERNATIVAS AO WI-FI.
IV.- A AUTONOMIA DOS CENTROS DE ENSINO.
V.- PROPOSTAS PARA REFLEXIONAR.

I.- CONTAMINACIÓN ELECTROMAGNÉTICA E SAÚDE:
CHAMADAS DE ALERTA DENDE A COMUNIDADE CIENTÍFICA De que riscos potenciais estamos a falar:
  • O Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Universidade Politécnica de Valencia:
  • Describe como efectos non térmicos asociados aos Campos Electromagnéticos (CEM) de Radiofrecuencias e microondas (telefonía sen fíos, Wi-Fi, ...): “Transformacións celulares cromosómicas e xenéticas, efectos sobre o sistema hematopoético, cambios no ritmo cardíaco e da tensión arterial, alteracións endócrinas e neuro-endócrinas, efectos sobre a audición, variacións no comportamento, alteracións electroencefalográficas” A estes habería que sumarlles os descritos en centos de estudos científicos na ampla bibliografía médica que describen efectos potenciais de exposición a corto prazo (déficit de atención, hiperactividade, irritabilidade, problemas de concentración e memoria, prurito, molestias oculares, dermatites, dores musculares, cefalea, insomnio, …) e a longo prazo cando a exposición se mantén no tempo (electrohipersensibilidade, síndrome de fatiga crónica, depresión, fibromialxia, arritmias, problemas cardíacos, epilepsia, autismo, Alzheimer, Párkinson, infertilidade, problemas hormonais, leucemia e cancros diversos). Estes efectos non térmicos son descritos na literatura científica en valores moito máis baixos dos establecidos na normativa estatal, baseada exclusivamente nos efectos térmicos.
  • Recomenda coma accións correctoras para diminuír a súa exposición: “Reducir o tempo de exposición, Manter as fontes emisoras apagadas e desconectadas da rede eléctrica mentres non se utilizan, Evitar a realización de actividades de duración prolongada en zonas próximas as fontes xeradoras das emisións de RF e MO, Establecer unha distancia de seguridade entre as fontes emisoras e o receptor .. “
  • Decembro de 2009: por 1ª vez un Tribunal Laboral (Tribunal de Traballo de Brescia) recoñece, en base á epidemioloxía, unha enfermidade de orixe profesional (tumor benigno do nervio acústico) por vínculo causal coa exposición (irradiación) profesional aos CEM de tecnoloxías inalámbricas (por uso intensivo de teléfono móbil e inalámbrica no posto de traballo durante máis de 10 anos). Declaracións e estudos científicos:
  • Dende 1998: Conferencias e declaracións médicas e científicas de todo o mundo, na liña do principio ALATA (tan baixo como a técnica permita), chaman a aplicar o principio de precaución con límites e criterios máis restritivos ante a abrumadora evidencia dos efectos non térmicos da radiación non ionizante a tódalas frecuencias: 1998: Viena; 2000: Salzburgo, Roccaraso; 2002: Alcalá de Henares, Catania, Friburgo, 2004: Bamberg, Maintal; 2005: Lichtenfels, Helsinki, Haibacher, Pfarrkirchner, Freienbach, Lichtenfels, Hof, Oberammergau, Coburg; 2006: Benevento, Bodensee; 2007: Londres, Venecia; 2008: Servan- Schreiber, Herberman, RNCNIRP (Rusia); 2009: París, Porto Alegre, RNCNIRP (Rusia), 2010: Copenhague.
  • Marzo 2001: OS EFECTOS FISIOLÓXICOS E MEDIOAMBIENTAIS DA RADIACIÓ ELECTROMAGNÉTICA NON IONIZANTE, Informe para o Parlamento Europeo STOA panel do Dr. Hyland, Universidade de Warwick (Reino Unido) e Instituto Internacional de Biofísica (Alemaña).
  • Menciona a potencialidade dos CEM a influír entre outras na función cerebral, o sistema neuroendocrino, na permeabilidade da barreira hematoencefálica, nas concentracións de calcio das células e na integridade de conexións ións - proteínas.
  • Propón: aplicar o principio de cautela na liña retomada posteriormente polo Parlamento Europeo nas Resolucións de 2008 e 2009. En abril do 2004 o Dr. Hyland anunciou resultados dun estudo con infantes onde constata que as microondas xeradas polo móbil penetran profundamente no seus cerebros e que cunha conversación de so 2 minutos se pode modificar a súa actividade eléctrica natural durante unha hora despois de haber colgado.
  • Maio 2004: O PROXECTO REFLEX, estudo multicéntrico “in vitro” da Comisión Europea (12 centros de investigación de 7 estados europeos dende 2000 a 2004), conclúe que a exposición continuada aos campos electromagnéticos (CEM) PROVOCA EFECTOS XENOTÓXICOS (danos ao ADN e efecto mutáxeno) incluso por debaixo dos niveis legais actualmente autorizados. Isto que supón?: coñecer un potencial perturbador dos efectos non térmicos, efectos non contemplados nos límites establecidos na nosa normativa estatal. En Francia o Dr. Richard Gautier, membro do Comité Científico Francés de Campos Electromagnéticos elaborou un diagrama cos mecanismos vinculados á exposición dos CEM e de cómo poden afectar a nosa saúde. En Finlandía, a Autoridade Nacional para a Seguridad Nuclear e Radiación de Helsinki (STUK), emitió un diagrama na mesma liña na valoración do estudo Reflex.
  • 2005: O Observatorio Europeo de Riscos da Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo recolle na súa Previsións de Expertos entre os principais RISCOS EMERXENTES FÍSICOS, á exposición aos CEM de alta frecuencia (telefonía móbil, Wi-Fi, …).
  • Agosto 2007: Estudo do grupo BIOINITIATIVE, nunha revisión internacional de máis de 1.500 estudos científicos coa colaboración da Axencia de Medio Ambiente:
  • Documenta: Que as evidencias suxiren efectos biolóxicos e impactos na saúde que poden ocorrer e de feito ocorren a niveis mínimos de exposición, niveis que poden estar miles de veces por baixo dos límites públicos de seguridade actuais. Os CEM de radiofrecuencia ou microondas poden considerarse xenotóxicos (dano ao ADN das células) baixo certas condicións de exposición, incluíndo niveis de exposición por baixo dos límites de seguridade existentes. Que niveis moi baixos de exposicións poden levar ás células a producir proteínas do estrés, recoñecen as exposicións a estas emisións como daniñas e cunha evidencia substancial de que estas emisións poden causar reaccións inflamatorias e alérxicas, e cambiar as funcións inmunes normais nos niveis permitidos polos actuais valores límite de seguridade.
  • Conclúe: as probas actuais, aínda que limitadas, son suficientemente sólidas para considerar os LÍMITES DE PROTECCIÓN (establecidos pola O.S.F.C.C. e o I.C.N.I.R.P. -referentes da nosa lexislación estatal-) coma NON SEGUROS, e inadecuados para protexer a saúde pública.
  • Reclama a necesidade de dispor de límites máis estritos á exposición aos CEM: establecendo un valor límite de precaución de 0.1 μw/cm2 na exposición exterior (< de 0,01 μw/cm2 en interiores) “nos lugares ónde a cidadanía vive, traballa, e va á escola”, limitar o uso do móbil en menores de 18 anos, evitando a exposición a antenas de telefonía móbil nos arredores de centros de ensino, así como vetando as instalacións de Wi-FI nas aulas, garderías e os centros de lecer. Isto que supuso?:
  • A Resolución de 2008 do Parlamento Europeo chamando a establecer unha normativa de valores límite moito máis estrita (coma as xa iniciadas en outros estados ou comunidades), e recoñecendo a insuficiente protección, especialmente en grupos sensíbeis. A Resolución de 2009 do Parlamento Europeo demandando medidas para reducir ao mínimo a exposición aos CEM recoñecendo o risco potencial das tecnoloxías sen fíos.
  • O MAIOR CONSENSO sobre o principio de cautela a nivel europeo ante a contaminación electromagnética, recollido nas dúas resolucións mencionadas (ver cuadro).
  • Setembro 2007. A Axencia Europea de Medio Ambiente apoia ao informe Bioinitiative: "Existen numerosos exemplos no pasado que por non utilizar o principio de precaución, conduciron a serios prexuízos, e a miúdo irreversibles, sobre a saúde e sobre o medio ambiente. Débense adoptar desde agora medidas efectivas e proporcionadas de precaución, sabias e prudentes, para evitar ameazas futuras sobre a saúde plausibles e potencialmente serias derivadas dos Campos Electromagnéticos. Debemos recordar que a precaución é un dos principios da política ambiental da Unión Europea".
  • Xuño de 2008. ESTUDO “IN VIVO” CON RATAS, expostas a microondas pulsantes (coma as dos móbiles, Wi-fi, …) en 4 grupos de ratas (1 como grupo control), durante 18 meses (equivalente ao 70 % da súa vida). Tese de doutoramento do Dr. Dirk Adang, baixo a dirección do catedrático Dr. André Vander Vorst (Universidade Católica de Louvain-A-Neuve, Bélxica): o Constata entre outras, unha resposta inmunitaria (aumento dos monocitos) a esta “agresión externa”, evidentes perdas de memoria aos 15 meses e o dobre da mortalidade. o Na súa sorpresa polos resultados o Dr. Vander Vorst, experto en bioelectromagnetismo de recoñecemento internacional e asesor do Consello Superior de Saúde Belga, indica que aínda que os resultados non poden extrapolarse sen máis aos humanos, require que os gobernos teñan en conta o potencial prexuízo contra a saúde con normas máis estritas.
  • 2007, 2010: PROXECTO INTERPHONE, estudo multicéntrico de telefonía móbil da OMS.- A Coordinadora do Proxecto Interphone: Dra. Elisabeth Cardis, recomenda dar “prioridade aos teléfonos fixos" en nenos (2008) e afirma “que temos unha serie de elementos que suxiren un posible aumento do risco entre os usuarios que utilizan frecuentemente o móbil; e dado que os usuarios que no noso estudo utilizaban máis frecuentemente o móbil hoxe poderíaselles considerar como usuarios de baixa utilización, creo que isto debería preocuparnos” (2010) o A coordinadora do grupo israelí de Proxecto Interphone: Dra. Siegal Sadetzki, declara que “xa pasou o tempo, cando se podería dicir que esta tecnoloxía non causa dano; segundo parece é prexudicial para a saúde" … "os teléfonos móbiles xa están aquí, teñen vantaxes e agora temos que aprender a utilizalas con sabedoría" (2007), aconsellando a nais e país á reflexión sobre cando e como usar o móbil insistindo en medidas como as anunciadas polo Appel de 20 experts internationaux concernant l'utilisation des téléphones portables. “Algúns dos resultados mostran con certa consistencia … un maior risco entre os usuarios máis frecuentes, o feito de que os riscos eran máis altos no lado da cabeza en que o teléfono foi utilizado normalmente e que os tumores atopábanse no lóbulo temporal do cerebro, que é o máis próximo á orella”. “Os datos non son o suficientemente fortes para unha interpretación causal, pero son suficientes para apoiar as políticas de precaución” (07.06.2010 en www.mundoejecutivo.com.mx que alude á investigación publicada no American Journal of Epidemiology no 2007)
  • 2010: REEVALUACIÓN DO ESTUDO INTERPHONE dos investigadores Lloyd Morgan (Universidade de Berkeley, California); Dr. Michael Kundi (Instituto de Saúde Medioambiental da Universidade de Viena, Austria) e Michael Caldberg (Dpto. de Oncoloxía, Hospital Universitario de Orebro (Suecia): LL. Morgan sinala que "por cada ano que unha persoa usa o teléfono móbil, o risco [de padecer meninxiomas] aumenta un 24%", "por cada 100 horas de uso de teléfono móbil, o risco de que aparezan meninxiomas aumenta o 26%". "O que descubrimos indica que vai haber unha gran pandemia de tumores cerebrais a non ser que se alerte á poboación e anímella a cambiar o uso que realizan hoxe en día da telefonía móbil", "... demóstrase que o risco real é maior que o que se presentou inicialmente”polo que invita a que "os teléfonos móbiles mantéñanse afastados sempre da cabeza e o corpo" (2010). As conclusións desta reevaluación van na liña dos meta-análises de Hardell en 2008 (“cadro persistente dunha asociación entre o uso de teléfonos móbiles e o glioma ipsilateral e o neuroma acústico nun período de latencia de 10 anos”), de Vini G. Khurana (2009), de Yueh-Ying Han (2009), de J. Moskowitz (2009). Este último, director do Centro de Saúde Familiar e Comunitaria da Facultade de Saúde Pública da Universidade de Berkeley en California, sinalou que "claramente hai un risco" e que “parece haber evidencia que suxire que é mellor ter coidado con isto, sobre todo cos nenos …”
  • MAIOR VULNERABILIDADE NA INFANCIA E MOCIDADE aos efectos potenciais destas tecnoloxías sen fíos coma no uso do teléfono móbil: son múltiples as chamadas a cautela dende institucións sanitarias a nivel mundial lembrando: - A maior penetración no cranio, - Os órganos en desenvolvemento, - Os efectos acumulativos: maior risco potencial en exposición precoz. Isto súmase á súa vulnerabilidade á presión publicitaria e grupal (tendencias aditivas). Ao menos 1 de cada 3 menores afirman desenvolver intranquilidade e ansiedade cando ten que prescindir do móbil (Defensor del menor en la Comunidad de Madrid, 2005) Entre os galegos e galegas de 10-15 anos acrecentou a tenencia de móbil dun 48,83% en 2004 a un 64,4% en 2007. (INE)RESOLUCIÓNS DO PARLAMENTO EUROPEO (2008 e 2009): O MAIOR CONSENSO NO PRINCIPIO DE PRECAUCIÓN AOS CAMPOS ELECTROMAGNÉTICOS (CEM) NO ÁMBITO EUROPEO
  • Recoñece que “a tecnoloxía dos dispositivos sen fíos (teléfono móbil, Wifi-Wimax-Bluetooth, teléfono de base fixa «DECT») emite CEM que poden producir efectos adversos para a saúde humana”, constatando “que os límites de exposición aos campos electromagnéticos establecidos para o público [como os estándares actuais da nosa normativa estatal] son obsoletos ….. e non abordan a cuestión dos grupos vulnerables, como as mulleres embarazadas, os recen nados e os nenos”
  •  Solicitan entre outros: “… valores límite de exposición máis esixentes para todos os equipos emisores de” CEM “… con especial atención aos efectos biolóxicos”. Valorar outras alternativas cunha “guía das opcións tecnolóxicas dispoñibles e eficaces para reducir a exposición dun lugar aos CEM”, “… favorecer solucións baseadas no diálogo” para “… garantir polo menos” que nas proximidades a “escolas, garderías, residencias de anciáns e centros de saúde” non se instalen antenas base de telefonía móbil nin liñas de alta tensión” e “… reducir ao mínimo a exposición” Estudo dos aparatos domésticos inalámbricos que, como o «WIFI» e o teléfono fixo inalámbrico «DECT» ante a exposición xeneralizada a “unha emisión continua de microondas” “…un uso razoable do teléfono móbil e un uso preferente do teléfono fixo …” “… para os nenos” , suxerindo “unha campaña xeral de sensibilización dos mozos europeos en materia de boas prácticas no uso do teléfono móbil como, por exemplo, usar dispositivos de mans libres, realizar chamadas curtas, apagar os teléfonos cando non se utilicen (por exemplo, durante as clases) e usar o teléfono móbil en zonas con boa cobertura” [evitar en bus, tren, coche, ...), e denunciando “determinadas campañas de comercialización dalgúns operadores de telefonía particularmente agresivas con ocasión das celebracións do Nadal e outras datas sinaladas, como a venda de teléfonos móbiles destinados exclusivamente aos nenos ou as ofertas de “minutos libres» dirixidas aos adolescentes;” “ … o recoñecemento da hipersensibilidade eléctrica como unha discapacidade, co fin de garantir unha protección adecuada e igualdade de oportunidades ás persoas que a sofren;”
  • “Manifesta a súa profunda preocupación polo feito de que” “as aseguradoras europeas xa están aplicando a súa propia versión do principio de cautela” na súa tendencia “a excluír a cobertura dos riscos vinculados aos CEM das pólizas de responsabilidade civil”. Resolución do Parlamento Europeo, 04.09.08 (522 votos a favor e 16 en contra), sobre a “Revisión Intermedia do Plan de Acción Europeo sobre Medio Ambiente e Saúde 2004-2010” Resolución do Parlamento Europeo de 02.04.09 (559 votos fronte a 22 e 8 abstencións) “Sobre as consideracións sanitarias relacionadas cos campos electromagnéticos”
 EN CANTO AO WI-FI, aínda que preséntase as radiacións dun nodo Wi-Fi como moi baixas (100 mW) en comparación coas máximas que consigue un teléfono móbil para conectar coa súa antena (2W), medicións realizadas no Reino Unido e Canadá e difundidas en programas de xornalismo de investigación nas cadeas televisas da pública británica BBC (21.05.07) ou na Global News de Canada (17.10.10), mostran picos nos niveis de radiación moi superiores aos esperados, cando na proximidade de corpos e cabezas dos nenos/as súmanse as emisións dun ou varios nodos ás dos propios portátiles do alumnado especialmente nos momentos de descarga (picos de radiación ausentes nas mediacións oficiais ao presentarse cifras de medias), interactuando cos nodos como un móbil coa súa antena. O problema fundamental son os niveis de inmisión de microondas pulsátiles aos que estamos expostos (telefonía inalámbrica, wi-fi, ...), o tempo de exposición e os grupos máis sensíbeis (recen nados, mulleres embarazadas, infancia, mocidade, vellez, patoloxías previas).
- En moitas empresas e colexios O FOCO DE EMISIÓN ESTÁ MOI PRETO DO CORPO E ESPECIALMENTE DO CEREBRO do neno/a, adolescente ou adulto nunha exposición horaria continua e ampla en ámbitos laborais ou escolar.
- A EXPOSICIÓN CONTINUA nestes ámbitos somete ao corpo a un EFECTO ACUMULATIVO con efectos biolóxicos detectados dentro dos límites legais ata en potencias moi baixas (ata con 0,02 μw/cm2), cuns perigos potenciais a longo prazo, especialmente en grupos vulnerábeis como a infancia e a mocidade (maior penetración no cranio, órganos en desenvolvemento, maior risco potencial en exposición precoz).
- Ante a FALTA DE ESTUDOS A LONGO PRAZO e o coñecemento dun POTENCIAL BIOLÓXICO MOI ACTIVO (en grupos/persoas sensíbeis) o Informe Bioinititive en 2007, apoiado pola Axencia Europea de Medio Ambiente, demanda primar o cable desinstalando o Wi-Fi dos espazos de ensino, garderías, bibliotecas, de lecer; xa solicitado en 2005 polo Departamento de Saúde Pública do estado de Salzburgo en Austria. As resolucións do Parlamento Europeo (2008 e 2009), que apostan por reducir ao mínimo a exposición valorando as “opcións tecnolóxicas dispoñíbeis e eficaces”, están na liña recomendada polo goberno alemá de primar o cable sobre o Wi-FI. “Nestes momentos xa temos a suficiente información para saber que un Wi-Fi exposto durante moito tempo en persoas sensíbeis, como son os nenos, moi previsiblemente va a causar problemas, algúns deles quizás sexan banais como pode ser o baixo rendemento escolar ou trastornos do sono, pero algúns destes riscos a longo prazo non son banais e poden incidir en enfermidades coma a dor crónica, fatiga, ….”. Joaquín Ramón Fernández Solà (27-10-2010), especialista en Enfermidades Emerxentes do Hospital Clinic de Barcelona
 EN CANTO A ELECTROSENSIBILIDADE (EHS) o Síndrome das Microondas, está, coma outras
enfermidades ambientais emerxentes, nun progresivo recoñecemento:
- Segundo a Declaración de París de 2009 “Os efectos dos CEM sobre a saúde establecéronse a través da observación clínica dun gran número de investigacións toxicolóxicas e biolóxicas, así como a través dalgúns estudos epidemiolóxicos. A día de hoxe, en Europa, hai un número crecente de xente electro-hipersensible, persoas que desenvolveron unha intolerancia aos CEM”.
- A Resolución do 2009 do Parlamento Europeo pide no seu punto 28 “aos Estados membros que sigan o exemplo de Suecia e recoñezan como unha discapacidade a hipersensibilidade eléctrica, co fin de garantir unha protección adecuada e igualdade de oportunidades ás persoas que a sofren”. Suecia conta na actualidade con programas de axuda ás persoas electrosensíbeis na protección á exposición aos CEM, persoas que sofren de dores, fatiga, cansazo, perda de memoria, palpitacións, dificultade para respirar, insomnio, depresión, ….
- Estes efectos, acreditados pola OMS (que aínda non recoñece o nexo causal), son recoñecidos xunto a súa relación causal aos CEM por múltiples organizacións (gobernamentais coma a Health Protection Agency do Reino Unido ou o Comité Nacional da Radiación Non Ionizante da Federación Rusa, e profesionais coma a Academia Europea de Medicina Ambiental ou a Asociación Irlandesa de Médicos Ambientais ), nas declaracións científicas xa citadas (coma a de Alcalá de Henares) e  indicada en investigacións epidemiolóxicas coma a realizada en La Ñora (Murcia).
- Conforme ás estatísticas, cada ano son máis as persoas que sofren de EHS: en Suecia a incidencia pasou do 0,63% da poboación en 1995 ao 9% en 2004, e en Austria do 1,5% en 1995 ao 13.3% en 2003, segundo os científico suecos Örjan Hallberg e o austríaco Gerd Oberfeld, se o crecemento da EHS continúa ao ritmo actual, en 2017 sufrirao, con maior ou menor intensidade, a metade da poboación mundial.
NO DEBATE SANITARIO NON SE PODE DEMOSTRAR A INOCUIDADE:
Se ben, non se pode demostrar a inocuidade destas tecnoloxías (defendidas pola industria), o debate sobre o establecemento de límites de protección está lonxe de ser un tema pechado: Recentes Sentenzas do Tribunal Supremo de 6.04.10 e 24.04.10 (recursos da Sala 3ª: 6553/2005 e 4282/2006) parten do “feito de que este risco polos campos electromagnéticos procedentes de emisións radioeléctricas non pode ser considerado pechado desde unha perspectiva estritamente científica” recoñecendo, neste senso, a capacidade das administracións autonómicas e locais para fixar criterios mais proteccionistas que os establecidos na lexislación estatal.
II.- O DEBATE XERAL SOBRE OS CAMPOS ELECTROMAGNÉTICOS E A IMPLANTACIÓN DE SISTEMAS SEN FÍOS COMA A WI-FI COMO AFECTA A NIVEL INTERNACIONAL? Á crecente preocupación social pola incerteza sobre os riscos de saúde, súmase unha deficiente ou ausente regulación destas tecnoloxías que sométenos a súa exposición ao marxe do noso consentimento, cunha irradiación cada vez máis xeneralizada na nosa sociedade (día e noite) e cun maior número de emisores. Mentres a Comisión Europea (CE) e a OMS non actualizaron uns criterios que datan de fai 12 anos (reclamado, entre outras, pola Axencia Europea de Medio Ambiente e o Parlamento Europeo), son cada vez máis os países, rexións, comunidades autónomas e concellos que xa adoptaron normativas en base ao principio de cautela e a racionalización do despregue destas tecnoloxías: Na actualidade, numerosos Estados, comunitarios ou non, estableceron límites máis estritos de emisión de radiofrecuencias que a da Recomendación de 1999 dá CE (niveis criticados pola Axencia Europea de Medio Ambiente e o Parlamento Europeo, como obsoletos e non protectores especialmente dos grupos sensíbeis) ou noutro aspecto da protección fronte á radiación. Son case a metade dos membros da Unión Europea: Reino Unido, Italia, Suecia, Finlandia, Bélxica, Holanda, Luxemburgo, Lituania, Bulgaria, Polonia e Grecia. Fóra da Unión poden citarse Suíza, Liechtenstein, Canadá, Australia, Israel, Nova Zelandia, Rusia e China. A polémica nos medios sobre o uso dos sistemas Wi-fi iniciase co apoio da Axencia Europea de Medio Ambiente ao informe Bioinitiative e cos datos presentados no Reino Unido na investigación presentada no programa Panorama da BBC: con medicións tres veces máis potentes que as emitidas na proximidade dunha antena de telefonía móbil, polo que os seus potenciais efectos adversos
afectarían na mesma proporción. Mentres gobernos como o español e o galego implantan o Wi-Fi nas aulas (e prímase o despregamento caótico de antenas de telefonía sen actualizar límites de protección requiridos a nivel europeo), na maioría dos estados de noso entorno emprendéronse algunha medida na liña proteccionista esbozada nas Resolucións do Parlamento Europeo:
Alemaña: O goberno Federal Alemán recomendou primar o cable sobre o Wi-FI, para manter a exposición "tan baixa como sexa posible" tal e como defende dende o 2005 a Oficina Federal alemá para a Protección contra as Radiacións (DbF) A Oficina Federal alemá para a Protección contra as Radiacións (DbF) e a Academia Alemá de Pediatría e Medicina da Adolescencia (dende o 2001) defenden o uso racional da telefonía móbil na liña do Chamamento dos 20, chamando a “reducir ao mínimo a exposición á radiación dos nenos”. O concello de Frankfurt (capital financeira alemá) prohibiu a instalación de Wi-Fi nas escolas ata que non se demostre a súa inocuidade, un ano despois, o Parlamento de Baviera recomendou cambiar a conexión Wi-Fi a Internet nas escolas, a favor da do cable excluíndo riscos potenciais de saúde nunha poboación máis vulnerábel. En Colonia unha rede municipal está a cablear toda a cidade con fibra óptica ofrecendo unha alternativa óptima en termos de saúde e calidade tecnolóxica.O sindicato de ensinantes “Unión para a Educación e o Coñecemento” (GEW) situouse contra odespregamento do Wi-Fi nas escolas por motivos de seguridade. “Debido aos posíbeis efectos sobre o rendemento escolar, unha escola saudábel non só debe ser libre de fume, tamén debe permitir aos profesores e alumnos ensinar e estudar nun ambiente libre de radiación” Dende Decembro do 2000 a Academia Alemá de Pediatría e Medicina da Adolescencia demanda límites de exposición máis estritos aos CEM e aconsella a pais e nais restrinxir o uso do móbil nos seus fillos e adoitar precaucións adicionais nos nenos polos perigos potenciais asociados ao seu crecemento na liña da DbF.
Reino Unido: Dende o ano 2000 (informe Stewart) recomenda o uso racional da telefonía móbil (chamadas o máis curtas posíbeis e cun móbil de baixo SAR) e que os menores de 16 o utilicen so en emerxencias xustificándoo na maior vulnerabilidade na infancia e adolescencia. Na mesma liña defendida dende o ano 2000, o director da Axencia Británica para a Protección da Saúde, o profesor Sir William Stewart, presidente da Axencia de Protección da Saúde e ex conselleiro de varios gobernos británicos en temas de saúde, demanda investigar os riscos para a saúde das redes inalámbricas Wi-Fi, antes de continuar coa súa implantación, ante a ausencia de estudos a longo prazo e por unha evidencia cada vez maior da vulnerabilidade dos menores aos efectos potencialmente daniños da radiación de microondas. Varias escolas no Reino Unido retiraron o seu sistema Wi-Fi, para previr efectos adversos para á saúde, dado que no Reino Unido a maioría dos centros educativos teñen dende fai anos as súas redes informáticas conectadas por Wi-Fi, coa lóxica preocupación entre ensinantes (especialmente a Asociación Profesional de Ensinantes) e pais nais de alumnos/as.
Francia: A petición do Comité de Hixiene e Seguridade (CHS) da cidade de París a Biblioteca Nacional de  Francia, así como outras bibliotecas de París, substituíron o Wi-Fi por cable. Concellos como o normando de Hérouville-Saint-Clair, substituíu o Wi-Fi por conexións Ethernet nos seus centros de ensino apelando ao principio de precaución nos menores. Dous provincias da rexión de Rhone-Alpes, están instalando redes de fibra óptica en todo o seu territorio coma alternativa ao WiFi e WiMAX, e dar servizo por cable a toda a poboación (máis de un millón de habitantes, incluídas vivendas rurais, escolas, empresas, hospitais, etc.) O Concello de Lyon (3ª cidade de Francia despois de París e Marsella) desenvolve unha campaña institucional polo uso responsábel do móvil. O 12.07.10, na liña de protección aos menores á exposición a CEM, publícase a Lei que prohibe o uso dos teléfonos móbiles nas escolas infantís e centros de primaria e secundaria obrigatoria, prohíbe toda publicidade que promova o uso dun teléfono móbil por nenos menores de 14 anos, impón a mención ao SAR e das recomendación de uso de kit mans libres, ... No 2010, baixo o patrocinio do goberno francés 16 cidades francesas seleccionadas comezan a rebaixar de modo experimental a 0,1 μw/cm2 (4.500 veces menor ao seu límite legal) o límite de exposición a CEM das antenas de telefonía móbil proposto polo informe Bioinitiative.
Bélxica: No 2007 unha trintena de PEDIATRAS FLAMENCOS fan un chamamento de alerta ante a expansión descontrolada da irradiación por sistemas sen fíos (como o Wi-Fi e o móbil), demandando medidas restritivas e campañas informativas para limitar o seu uso e a súa exposición especialmente en menores de 16 anos e embarazadas. En Setembro do 2007 o Goberno Flamenco da federación belga lanza un "Aviso sobre o emprego do móbil aos nenos", dirixidas a pais e nais con 700.000 folletos repartidos. “Aínda que non estea establecido ao 100 %”, apela ao prexuízo potencial para a saúde dos nenos. En xuño de 2008, o catedrático Dr. André Vander Vorst profesor da Facultade de CC. Aplicadas da Universidade Católica de Louvain-A-Neuve, experto recoñecido en bioelectromagnetismo e asesor do Consello Superior da Saúde Belga, demanda de novo publicamente maiores restricións legais nas tecnoloxías inalámbricas na presentación dunha tese de doutorado. En novembro de 2008 o Ministro Federal de Desenvolvemento Sostible, Enerxía, Clima e a Protección dos Consumidores declara non autorizar teléfonos móbiles infantís por principio de precaución: “os nenos poden en efecto estar expostos … As restricións á exposición acumulativa dos nenos é ademais recoñecido como necesario por tódolos científicos,…” Consellos por un uso razoábel do móbil do Servizo Público Federal de Saúde pública, Seguridade Alimentaría e Medio Ambiente, 2010: recomendan limitar a exposición á radiación dos móviles segundo require o Consello Superior da Saúde belga (chamadas breves, primar SMS e o uso de mans libres e auriculares, limitando o seu uso en nenos a situacións de necesidade e cos criterios anteriores).
Italia: Por primeira vez un Tribunal Laboral (en recurso de apelación) no 2009, recoñece unha enfermidade como de orixe profesional (tumor benigno do nervio acústico) por vínculo causal coa exposición (irradiación) profesional aos CEM de tecnoloxías inalámbricas (uso intensivo de teléfono móbil e teléfono inalámbrico no seu posto de traballo durante máis de 10 anos)
Irlanda: Desde 2005, a Asociación Irlandesa de Médicos Ambientais (IDEA), considerando claramente demostrada a relación entre os síntomas da electrosensibilidade e a exposición aos CEM, e solicitan normas de seguridade máis estritas posibles na instalación e uso de calquera emisor CEM (incuíndo telefonía móbil, Wi-Fi, …) para protexer da súa exposición á poboación xeral e especialmente aos grupos máis vulnerables.
Austria: O Departamento de Saúde Pública do Estado Federado de Salzburgo recomenda as instalacións sen fíos nos centros de ensino e garderias, estado que mantén o 0,1 μw/cm2 coma límite de exposición a radiofrecuencias. O Colexio Médico de Austria recomendou non instalar redes Wi-Fi nos colexios e chama a aplicar o uso racional e cautelar da telefonía móbil creando un decálogo de uso.
Finlandia:  Na declaración de xaneiro de 2009 a Autoridade Filandesa de Radiación e Seguridade Nuclear, en base a vulnerabilidade infanto-xuvenil, aconsella a pais e nais restrinxir o uso dos nenos dos teléfonos móbiles dos seguintes xeitos: reducir e acortar chamadas, primar SMS, uso de mans libres e alonxando móbil do corpo, evitar chamadas con baixa cobertura.
Suiza: SWISSCOM (52% estatal) promove as redes de cable na escola pública coa fibra óptica gratis primando a conexión por unha rede LAN interna. A Oficina Federal Suíza de Saúde Pública (OFSP) avisa dos riscos do Wi-Fi no seu uso e de cómo limitarllos (desconexión, non aproximación, …)
Canadá: O campus da Universidade Lakehead de Ontario eliminou a conexión Wi-Fi por principio de cautela mantendo unha completa conexión a Internet a traveso de cable de fibra óptica. Nos derradeiros anos cada vez son máis os grupos de nais e pais que solicitan nos consellos escolares desbotar o Wi-Fi a cambio do cable O Concello de Thorold aplicou o principio de cautela derogando o contrato de cobertura Wi-Fi. O Departamento de Saúde Pública de Toronto recomenda "que os nenos, especialmente os nenos pre-adolescentes, usen o teléfono fixo sempre que sexa posíbel, mantendo o uso de teléfonos celulares para os propósitos esenciais soamente, o que limita a duración das chamadas de teléfono móbil e o uso de auriculares ou as opcións de mans libres, sempre que sexa posible." O Concello Escolar da cidade de Vancouver prohibiu en xaneiro de 2005 a instalación de antenas de telefonía móbil nun radio de 1.000 pés (305 metros) dos centros escolares (na liña proposta polo informe Bioinitiative).
Alghunas medidas proteccionistas noutros países: Israel (directrices do Ministerio de Saúde de para reducir a exposición aos teléfonos móbiles,especialmente para os nenos), Federación Rusa (limitacións e advertencias do Ministerio de Saúde e do Comité da para a Protección das Radiacións Non Ionizantes sobre o uso dos móbiles en menores), EUA (o Sindicato de Bibliotecarios Progressive Librarians Guild - insta a aplicar o criterio de precaución especialmente nas seccións infantís das bibliotecas, o Concello de Sebastopol desconecta o Wi-Fi público na cidade optando polo principio de precaución, o Instituto do Cancro de Pittsburgh aplica unha directiva proteccionista no uso do móbil)
E A NIVEL ESTATAL? Mentres Bélxica, Italia e Austria xa limitaron severamente o máximo permisible para as emisións de Wi-Fi e o goberno alemán está asesorando para que o público en xeral volva á banda ancha por cable; algúns gobernos autonómicos manteñen diferentes prácticas sobre o Wi-Fi nas aulas, por exemplo: En Extremadura, precursor do Proxecto Escola.2.0, mantén a conexión por cable cunha Rede tecnolóxica Educativa que dende o ano 2005 comezou a informatización das aulas en infantil, secundaria e bacharelato, coas vantaxes técnica do cable (en canto maior cobertura, ausencia de interferencias e seguridade dos datos) e de saúde (reducindo a exposición á contaminación electromagnética). No País Vasco, dentro do debate que estase a xerar na comunidade escolar e nas familias na implantación do proxecto Eskola 2.0, o Parlamento aprobou por unanimidade medir o nivel das radiacións electromagnéticas antes de implantar o Wi-Fi nos colexios, e atender as recomendacións internacionais. Os sindicatos ELA-STV e o STEE-EILAS solicitan primar o cable ante o Wi-Fi no ensino e polo menos 11 centros de ensino decidiron suspender a súa conexión Wi-Fi no curso anterior, para valorar a conexión a redes por cable ante a ameaza da súa obrigatoriedade, continuando no actual curso académico. O Concello de Basauri (Biscaia) anunciou que vai substituír aos poucos as redes inalámbricas de acceso a Internet, existentes nas Casas de Cultura por outras de cable ADSL. En 2010 o sindicato ELA-STV estende a campaña de primar o cable ante o Wi-Fi nas empresas. En 2008 o Concello de Aranguren en Navarra (7.000 habitantes) converteuse en operador ofertando a toda a comunidade unha a conexión a internet por cable de mellor calidade que o Wi-Fi e o Wimax. Mentres a Federación catalana de Ensino de CCOO, recolle queixas do profesorado ante os casos detectados de electrosensibilidade criticando que non se medira o impacto que poda ter sobre a saúde a exposición continuada aos CEM do Wi-Fi, o especialista en Enfermidades Emerxentes do Hospital Clinic de Barcelona, Joaquín Ramón Fernández Solà declarou que: “nestes momentos xa temos a suficiente información para saber que un Wi-Fi exposto durante moito tempo en persoas sensíbeis, como son os nenos, moi previsiblemente va a causar problemas, ….” En Castilla y León tamén se produciron mobilizacións veciñais e ecoloxistas a favor doutras alternativas de acceso a Internet fronte ao sistema Wi-Fi, paralizando un xulgado cautelarmente o despregamento das antenas Wi-Fi no casco histórico de León Mentres algunhas normativas autonómicas (Navarra –2002-, Castilla-La Mancha -2001-, Cataluña - 2001-, Castilla y León -2001-) e municipais (coma a recente de Leganés), recollen condicións ou límites de exposición ás radiofrecuencias máis proteccionistas que os marcados na normativa estatal, cinco grupos recen comprometéronse a crear no Congreso dos Deputados unha comisión que estude e loite contra os efectos da contaminación electromagnética (incluído primar o cable ó Wi-Fi).
E A NIVEL GALEGO? A nivel galego, encontramos que moitos centros de ensino xa contaban cunha conexión de rede por cable instalada. O Consello Escolar dun destes centros con cable, escollido no Proxecto Abalar, xa comunicou a Consellería de Educación a súa preferencia de conexión por cable polo principio de cautela proposto dende a Axencia Europea de Medio Ambiente e o Parlamento Europeo no 2009. O criterio de afastar as antenas de telefonía móbil dos centros de ensino da resolución do Parlamento Europeo do 2009 xa foi indicada pola CIG no 2002, e dende a comunidade científica tivemos chamadas a cautela no uso e implantación de tecnoloxías sen fíos: Dra. Elena López Martín, profesora e investigadora do Dpto. CC. Morfolóxicas da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago (entrevista en 2009), Dr. Ceferino Maestu, profesor e investigador da ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación de Madrid (nas Xornadas de “Telefonía móbil e Saúde” en Pontevedra, 2009), Dr. José Carro Otero, catedrático da Facultade de Medicina de la USC e presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía Galega (entrevistas no 2006 e no 2008 –na Radio Galega- ), Dr. Claudio Gomez Perreta xefe de sección de Investigación en Saúde Pública no Hospital Universitario La Fe de Valencia (na Facultade de Psicoloxía de Santiago de Compostela, 2007). No 2008 a Federación de ANPA de Pontevedra apoiou a campaña de educación para saúde polo uso racional da telefonía móbil.
III.- ALTERNATIVAS AO WI-FI: O CABLE DESVANTAXES DO WI-FI NAS AULAS:
 DESVANTAXES TÉCNICAS: Son múltiples os informes coma o de José Manuel Riera Salís (E.T.S. de Enxeñeiros de Telecomunicación da Universidade Politécnica de Madrid) que conclúen coma desvantaxes da conexión por Wi-Fi: - “As Interferencias intrasistema e intersistema” - “A Cobertura e capacidade limitadas”. - “A Seguridade comprometida, aínda que os novos protocolos melloren neste aspecto”. Unha das desvantaxes máis recollidas que ten o sistema Wi-Fi é unha menor velocidade en comparación a unha conexión con cables, debido ás interferencias e perdas de sinal que o ambiente pode carrexar con “caídas” nas descargas. Aínda co cifrado, é inherentemente insegura no seu acceso a datos. Hai empresas (especialmente bancos) que desbotan as conexións sen fíos na rede externa e interna por motivos de velocidade e seguridade.
 DESVANTAXES NA PROTECCIÓN DA SAÚDE: Dende esta óptica a implantación do Wi-Fi nas aulas:
- Supón unha exposición innecesaria e continuada aos CEM á poboación infanto-xuvenil considerada máis vulnerábel, e do ámbito laboral (profesionais do ensino e persoal auxiliar).
- Fomenta unha maior proliferación e uso de dispositivos réplica de Wi-Fi nos fogares do alumnado, dada a desinformación do público en xeral sobre a electrocontaminación dos sistemas inalámbricos, a pesar das administracións europeas (estatais, rexionais ou locais) que xa advirten á súa poboación de que se prime o cable ante o inalámbrico. Ademais, as instalacións individuais de Wi-Fi adóitanse facer sen control algún (ninguén regula potencias nin o número de usuarios “on line”), sendo máis caótico aínda que o despregamento de antenas de telefonía. Calquera pode manipular a potencia e pode mercar por internet dispositivos wifi máis potentes, actualizacións que duplican a súa potencia, e amplificadores a 5 W. Este efecto multiplicador da proliferación de sistemas inalámbricos conduce a unha contaminación cruzada entre a veciñanza de consecuencias preocupantes.
VANTAXES DO CABLEADO NAS AULAS. A conexión a Internet e intranet por sistemas de cableado coaxial ou fibra óptica, aínda que requiran unha adaptación nas aulas, aportan maiores vantaxes:
a) Máis seguridade para a saúde:
E a mellor alternativa tecnolóxica dispoñíbel e eficaz para reducir a exposición dun lugar aos CEM,
na liña da Resolución do Parlamento Europeo de 2009.
b) Mellor solución técnica e de prestacións coma:
- Máis velocidade e estabilidade na conexión,
- Menor custo (a medio e longo prazo e a curto prazo nos centros que contan cunha instalación previa)
- Maior facilidade de mantemento
- Maior seguridade na protección de datos da rede.
c) Menor custo social a longo prazo, pola inclusión de determinados colectivos que poderían verse marxinados polos sistemas inalámbricos e as súas radiacións e pola ausencia do sufrimento persoal que pode supor para as persoas afectadas, tendo en conta experiencia de outros países europeos que comezaron antes no seu proceso de levar as TICs ás aulas. A implantación por cable da Rede Tecnolóxica Educativa Extremeña é unha mostra máis do nivel de prestacións e calidade do mesmo.
IV.- A AUTONOMÍA DOS CENTROS DE ENSINO
O derradeiro 02.09.10 membros da Plataforma Estatal Contra a Contaminación Electromagnética (que agrupa a asociacións veciñais, colectivos ecoloxistas, colectivos de persoas afectadas) tiveron un encontro con responsábeis do Ministerio de Educación manifestando a nosa preocupación e rexeitamento da instalación de antenas WiFi nas aulas a raíz do plan Escuela 2.0. Propúxose, na liña do “principio de precaución”, a substitución por redes de cableado e manter as infraestruturas de cable nos centros de ensino que xa o tivesen implantado. Neste encontro os responsábeis do ministerio lembraron que son as comunidades autónomas as que teñen a competencia en materia de regulación e que son os centros de ensino os que dispón de potestade para elixir o seu sistema de conexión a Internet.
V.- PROPOSTAS PARA REFLEXIONAR
1.-Solicitar por razóns de prevención da saúde, que as/vos responsables do seu centro, Consellería de Educación ou Entidades Titulares, presenten ao Consello Escolar, un informe técnico documentado sobre os efectos que pode causar a conexión por Wi-Fi no alumnado de 5º de primaría ou 1º de ESO, así como noutras zonas do recinto escolar, ou sobre a inocuidade deste sistema inalámbrico.
2.-Solicitar á Consellería de Educación a substitución do sistema inalámbrico de conexión a Internet por outro de cableado.
3.-Aproveitando esta conxuntura de sensibilización sobre o inalámbrico, invitámoslles a expor tamén as posibles medidas para fomentar unha correcta utilización da telefonía móbil e inalámbrica por parte do alumnado, no recinto e transporte escolar. (Ver folleto realizado en 2008 en colaboración coa Federación de ANPA de Pontevedra)
4.-Manterse informados, divulgar a información e participar nas campañas de defensa da saúde ante a instalación de dispositivos inalámbricos nos centros de ensino, e noutros ámbitos da vida cidadá onde os/as menores permanecen por longos períodos (bibliotecas, hospitais, parques e prazas, casas de cultura e, por suposto, nos nosos fogares).
Agradecemos ás ANPAS e directores/as dos centros de ensino a atención prestada, así como a
transmisión aos pais e nais destas solicitudes, con o ánimo de iniciar un amplo debate sobre a instalación de dispositivos inalámbricos e pódase chegar a unha decisión conxunta que priorice a protección da saúde. “Instamos ao principio de precaución non porque teñamos certeza de que é perigoso para a saúde, senón porque non podemos afirmar que é seguro. Canta evidencia é necesaria para previr un daño futuro?. É capacidade da sociedade decidir a canto está disposta a expor aos seus cidadáns ata tomar decisións sobre o tema”. Dra. Devra Davis, PhD, MPH Director, Center for Environmental Oncology at the University of Pittsburgh Institute. (“Seminario Internacional de Radiación Non-Ionizante, Saúde e Medio Ambiente”, Porto Alegre, Brasil 2009). Coma Federación Ecoloxista Galega quedamos a vosa disposición ante calquera consulta e colaboración.
Máis información:  Xulio Carmona Barros (986 84 76 70)
Aínda que recompilamos un avultado dossier de estudos científicos para argumentar a nosa xustificada alarma e advertencia, a cuestión é que non nos corresponde nin como asociación, nin como nais/pais, nin como profesores/as, etc. demostrar os potenciais efectos nocivos da exposición aos sistemas sen fíos.
Do mesmo xeito que na saída ao mercado dun medicamento ou adianto tecnolóxico, é a industria correspondente a que ten a obriga de garantir e demostrar sen sombra algunha a inocuidade do seu produto, máis aínda tratándose da saúde do alumnado.
Son as Entidades Públicas ou Privadas que decidan instalar este sistema de conexión inalámbrica as que deben garantir que a exposición continuada e a longo prazo a estas radiacións é segura para o alumnado en idade escolar.
As institucións que acepten instalar estes dispositivos, como responsábeis en última instancia da protección da saúde do alumnado, deberían levar seguimento da poboación exposta, podendo determinar e evitar, no seu caso, alteración da saúde e do rendemento intelectual e escolar, especialmente dos alumnos/as persoal docente e auxiliar das aulas máis directamente afectadas.

Agardamos que sexa do voso interese e agradecemos a difusión entre
nais/pais e toda a comunidade escolar.

Un saúdo,

Comisión Permanente

.

No hay comentarios:

Publicar un comentario