A xira 2011 do espectáculo "Contos coas mans abertas", promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade dentro das súas actividades de sensibilización, chega ao IES Monte Neme de Carballo o luns 19 de decembro. A representación, organizada polo Concello en calidade de membro da entidade, ten lugar ás 16.45 horas. Tras a excelente acollida colleitada en 2010, a proposta músico teatral creada pola compañía compostelá A Tropa de Trapo para a asociación de Concellos e Deputacións percorre este ano un total de 42 administracións socias. O espectáculo "Contos coas mans abertas" dirixido a público adolescente e adulto, baséase en pezas narradas a dúas voces onde a música en directo cobra especial relevancia. Instrumentos como a guitarra española ou o laúde árabe mergullan aos espectadores en historias reais, recollidas case todas en primeira persoa, contos sinceros e achegados que falan do fondo humano que nos une a todos. Sen caer en tópicos sobre a solidariedade e a cooperación, "Contos coas mans abertas" é un espectáculo cheo de esperanza, de humor, de amor, de pequenas loitas e de grandes soños. Son unha serie de contos para mellorar e entender o mundo.Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 135 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade está a implementar unha intervención de post-emerxencia no Haití e mantén aberta unha conta de emerxencia para contribuír a paliar a crise alimentaria no Corno de África.
No hay comentarios:
Publicar un comentario